Tesouros vivos no
Camiño de
Inverno

De entre todos os camiños que existen para chegar a Compostela, propoñémosvos que nos acompañedes a percorrer o Camiño de Inverno ao longo dos seus máis de douscentos quilómetros atravesando o país. Desta volta non o faremos nin a pé nin a cabalo, senón a través da voz de quen atesoura a memoria e os saberes ligados aos lugares polos que iremos pasando.
Transitaremos esta ruta da man de verdadeiros Tesouros Humanos Vivos, facendo paradas en sitios clave mediante unha galería de vídeos nos que nos achegarán historias de vida significativas arredor do patrimonio cultural inmaterial e memoria colectiva arredor deste camiño a Compostela.
As ricas voces que acompañarán o noso camiñar virtual compartindo con nós a memoria ligada ao territorio, darannos a caloriña que fará deste Camiño de Inverno unha floreada primavera!
Pero a nosa ruta non remata en Compostela, senón que é onde se abren unha chea de posibilidades de novos camiños que percorrer! Cada vídeo acompañarase de máis información para profundizar nel e mais dunha serie de propostas didácticas orientadas a persoal da mediación cultural e educativa, as cales, ademais de favorecer a descuberta e transmisión do patrimonio inmaterial a través do diálogo interxeracional, ofrecen un amplo abano de novos camiños por explorar para coñecer o legado herdado e aos tesouros vivos que portan.


01. Amparo e o Meco de Quiroga.
02. Esther e o viño da Ribeira Sacra.
03. Celso de Lalín e o contar.
04. Ana e o polbo á feira na Bandeira.
05. Josefina e os misterios do Pico Sacro a Gundián.
ÍNDICE DE VÍDEOS:



01
Tesouros Vivos no Camiño de Inverno: Amparo e o Meco de Quiroga.
Localización: A Ermida-Quiroga (Lugo)
Este Tesouro Vivo é Amparo Montenegro da parroquia da Ermida de Quiroga onde, desde que ela ten acordo, o Meco e as Pampónigas toman o adro da igrexa cada 8 de setembro e, aínda que de pequena lle tiña medo, hoxe fai porque este rito festivo non perda a boa saúde da que goza, contaxiando do sentimento ás vindeiras xeracións para estas o continúen a celebrar e transmitir.
DIDÁCTICA:
"Propostas didácticas arredor dos ritos festivos" | 1º e 2º da ESO.

02
Tesouros Vivos no Camiño de Inverno: Esther e o viño na Ribeira Sacra
Localización: Pincelo-Chantada (Lugo)
Ao paso do camiño de inverno entre Chantada e Belesar, detémonos en Pincelo para coñecer á extraordinaria Esther: adegueira pioneira que vendo como estaban a enfermar a Terra, revirouse e decidiu 'volver atrás' e cultivar e elaborar o viño coma facían seus pais, creando así o primeiro viño ecolóxico da Ribeira Sacra.
DIDÁCTICA:
O viño e a vendima: propostas didácticas | 1º e 2º da ESO.

03
Tesouros Vivos no Camiño de Inverno: Celso de Lalín e o contar
Localización: Lalín (Pontevedra)
Facemos un alto no noso camiño en Lalín para lle botar un conto con Celso, un auténtico Tesouro Vivo que garda no seu bico os contares que a Grandísimos Tesouros lle escoitou, á par que se facía con esa exquisita arte de os contar.
DIDÁCTICA:
O oficio de contar. Propostas didácticas. | Para 1º e 2º da ESO.

04
Tesouros Vivos no Camiño de Inverno: Ana e o polbo á feira na Bandeira
Localización: A Bandeira-Silleda (Pontevedra)
Ana López é a quinta xeración de polbeiras, vidas do Carballiño e asentadas en Chapa (Silleda). Ana falounos de toda unha vida adicada a este tradicional oficio, a vida dunha polbeira indo de feira en feira. Feiras coma a da Bandeira, á que nunca faltou, e é testemuña do pasar do tempo a través deste importante acontecemento que cada 14 e 29 de mes marca a dinámica da vila.
DIDÁCTICA:
O oficio das polbeiras: propostas didácticas. | 1º e 2º da ESO.

05
Tesouros Vivos no Camiño de Inverno: Josefina e os misterios do Pico Sacro a Gundián.
Localización: Ribadulla-Vedra (A Coruña)
Seguimos o camiño de inverno pola última etapa indo a Ribadulla, onde nos recibiu na súa eira a marabillosa Josefina, que compartiu con nós todos eses saberes que lle contaron as persoas maiores do que asombrosamente acontece entre Gundián e o Pico Sacro.
DIDÁCTICA:
Propostas didácticas arredor do patrimonio oral do Pico Sacro e de Gundián. | 1º e 2º da ESO.
