
O PROXECTO
O PROXECTO
TESOUROS VIVOS é un proxecto que busca visibilizar a memoria colectiva e o patrimonio cultural inmaterial galego a través dos seus protagonistas, os chamados “tesouros vivos”, termo acuñado pola UNESCO para denominar a testemuñas de vida relevantes, portadoras de saberes de alta significancia para a comunidade ou de manifestacións humanas en perigo de desaparecer.
O proxecto vertébrase en tres tipoloxías de actuacións:
A) BÚSQUEDA, REXISTRO E EDICIÓN:
Identificación e entrevista de persoas cunha historia de vida significativa en relación ao territorio e ao patrimonio cultural inmaterial. Permite coñecer de primeira man a historia e cultura da contorna a través dos seus protagonistas reais, dos chamados “Tesouros Vivos”.
-
Edición das entrevistas en vídeos de 5-8 minutos de duración e posta a disposición da cidadanía no portal web “Tesouros vivos”.
-
Deseño e creación da web “Tesouros vivos”.
B) DIDÁCTICA
Elaboración de materiais didácticos con propostas de actividades e recomendacións pedagóxicas destinados a traballadores/as no ámbito da xuventude (educadores/as, mestres/as, animadores/as socioculturais...).
C) DINAMIZACIÓN
Deseño e desenvolvemento de actividades de dinamización para mozos/as para explorar e explotar as potencionalidades das recollidas e para que o impacto sexa maior.
E AGORA, QUE?
Logo das experiencias nos proxectos europeos e de case unha década deseñando e desenvolvendo múltiples Bibliotecas Viventes, dispoñemos dun listado de informantes moi potente que merecen ser coñecidos, recoñecidos e escoitados, para que a súa memoria e a dos seus territorios perviva e sexa transmitida ás xeracións máis novas (aínda que non de xeito exclusivo) a través de canles estables, accesibles e transferibles a outros usos, contextos e tempos culturais e educativos.
Sabemos do impacto que xeran as Bibliotecas Viventes alí onde se desenvolven, pero queremos ir máis aló e crear un espazo que perdure no tempo e enriquecido con propostas de difusión e dinamización para potenciar, por un lado, a autoestima das persoas transmisoras, a visibilización e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial galego e da memoria colectiva, e, por outro, o diálogo interxeracional e a participación activa na construción de coñecemento desde unha perspectiva crítica e significativa. De aí o nacemento da plataforma “Tesouros vivos”!.
AS ORIXES DO PROXECTO
PROXECTO “GRAND TREASURES”
O proxecto “Grand Treasures”, ao abeiro do programa 'Grundtvig' de aprendizaxe permanente da Comisión Europea, tivo como obxectivo crear unha parcería de organizacións de Poloña, Grecia, Estonia, Portugal, Letonia e Galicia interesadas na preservación da historia oral e a promoción do diálogo interxeracional.
Este proxecto baséase na definición de 'Tesouros' desenvolvido pola UNESCO na Convención sobre Patrimonio Cultural Inmaterial (2003), no que se determina como 'Tesouros' a todas aquelas persoas de certa idade que viviron unha historia de vida significativa ou manteñen unha arte ou un coñecemento determinado e están abertas a compartilo coas xeracións futuras.
Dentro da parcería intercambiamos boas prácticas en torno a como identificar as historias, como recollelas, como conservalas, organizalas e sistematizalas e a forma de compartilas cun público máis amplo, pero sobre todo, compartir, difundir e revalorizar as historias destes Tesouros nas nosas comunidades locais. Polo que tamén desenvolvemos proxectos de divulgación e didáctica do patrimonio cultural inmaterial a través do deseño e implementación de proxectos locais no contexto das entidades parceiras do proxecto.
PROXECTO “BIBLIOTECAS VIVENTES”
Coa intención de achegar á nosa terra as correntes de intervención educativa hoxe en día máis interesantes e situar Galicia no mapa europeo, Xandobela comezou hai case unha década a relacionarse e asociarse con outras entidades análogas activas no continente. No bienio 2009-2011 a través do proxecto 'Books 21', ao abeiro do programa de aprendizaxe permanente de adultos da Comisión Europea 'Grundtvig', coñecemos o fenómeno das 'Bibliotecas Viventes', unha proposta metodolóxica innovadora celebrada por primeira vez en Dinamarca no 2000 e promovida desde o 2001 polo Consello de Europa como ferramenta de educación intercultural.
Se ben as Bibliotecas Viventes naceron e son habitualmente desenvolvidas para afrontar problemáticas relacionadas con xenofobia, prexuízos e estereotipos, desde un primeiro momento, en Xandobela vimos claro que a proposta de realizar Bibliotecas Viventes como ferramenta de facilitación do diálogo entre as persoas, adaptábase plenamente en Galicia coa misión de favorecer o diálogo interxeracional. Interxeracional entre unha xeración con innúmeros saberes e vivencias, e outra xeración que chega; interxeracional entre un vivir por veces simple e apegado á terra, e un modo de vida que tende a ser tecnolóxico e globalizado; interxeracional é, ao noso modo de ver, a resposta que debe darse ás necesidades sociais e educativas en Galicia, e o diálogo a ferramenta clave.
Desde entón, xa levamos desenvolvidas máis de quince Bibliotecas Viventes en territorio galego, nas que identificamos “tesouros vivos” para favorecer o contacto e o diálogo interxeracional, o intercambio e transmisión de coñecemento, do patrimonio cultural inmaterial e da memoria colectiva.
VÍDEO DO PROGRAMA A REVISTA SOBRE A PRIMEIRA BIBLIOTECA VIVENTE